| |
|
O Noso Modelo de Cidade
Presentación
|
Vigo é unha cidade que conxuga tradición e modernidade. Ao logo do século XX converteuse na cidade europea que experimentou un crecemento máis rápido, ao pasar de 23.000 habitantes en 1900 aos case 300.000 no ano 2009, consolidándose como o principal motor económico e industrial de Galiza. Vigo medrou coas aportacións doutros concellos -Bouzas, Lavadores- mantendo nos seus barrios e parroquias unha forte vitalidade, constituíndose, de feito, nunha cidade policéntrica. O seu privilexiado emprazamento determinou a súa vocación e fixo que se desenvolvera, na primeira metade do século pasado, como núcleo industrial arredor do complexo mar-industria: pesca, construción naval, conserva... Asemade, na segunda metade do pasado século converteuse na referencia da industria do automóbil dentro da Eurorrexión, consolidándose como polo industrial e a maior cidade galega, a máis dinámica e aberta. Nun país de emigración, constituíuse en receptora de man de obra e co seu dinamismo e a súa forza socioeconómica resultou un xigantesco taller-fogar para milleiros de familias galegas e moitas non galegas, que atoparon nela un medio de vida. Estas condicións, de lugar de traballo sobre calquera outra característica, xunto co crónico desleixo administrativo, provocaron un enorme retardo nas infraestruturas e servizos da cidade.
Pero é preciso superar este retardo para que Vigo se consolide como enclave económico, industrial e de servizos, no conxunto da economía galega e do Norte de Portugal. E por iso que o BNG mantén as súas reclamacións sobre a posta en marcha do AVE, a construción da saída sur do tren, o remate da ampliación de Peinador, a conexión ferroviaria do porto, a conversión en vía urbana do tramo de autopista que discorre dentro da cidade, a autovía Pontevedra-Vigo, a elaboración do Plan Director e Plan de Usos do porto... O BNG considera que estas actuacións son fundamentais para o desenvolmento de Vigo no século XXI, nunha cidade que se erixa en capital da área metropolitana e na que o eixo fundamental sexa a mellora da calidade de vida das persoas. E este é o noso obxectivo dende o goberno municipal.
Para o BNG non abonda con que Vigo se manteña como motor económico, non abonda co seu dinamismo empresarial e laboral. Senón que, apoiados na súa fortaleza económica, no seu carácter de urbe emprendedora e acolledora, debemos planificar unha cidade sen barreiras arquitectónicas, preocupada polo benestar e a igualdade das persoas que a habitan e na que as iniciativas culturais máis innovadoras teñan posibilidades de futuro.
Liñas básicas da acción de goberno. O BNG concibe os concellos como piares indispensábeis para a vertebración de Galiza e a súa construción nacional para avanzar na mellora da calidade de vida da cidadanía e para a rexeneración política e o afondamento na democracia participativa. Por iso a acción de goberno do BNG estará apoiada en tres eixos:
- Construír a nación desde o concello, construír Galiza desde Vigo, de forma que a ordenación territorial e a planificación urbanística da cidade estea baseada nunha visión de país. Neste sentido, traballamos por facer de Vigo un concello solidario e reafirmando o compromiso vigués coas nosas señas de identidade nacional: a normalización da lingua e a promoción da cultura.
- Rexenerar a política e afondar na democracia participativa. A nosa acción de goberno está baseada no compromiso de facer un concello transparente e achegado á cidadanía impulsando a participación cidadá na vida municipal. Dende o Bloque Nacionalista Galego sempre entendemos que gobernar é ter proximidade, transparencia e, sobre todo, capacidade de escoita; de escoita diante das inquedanzas que a nosa xente nos presenta; de proximidade, xa que os concelleiros e concelleiras do BNG estamos constantemente no diálogo e na colaboración cos distintos axentes sociais, culturais, económicos... que configuran a nosa cidade. Defendemos un novo xeito de gobernar, sen autoritarismos, sen políticas de imaxe ou para a galería, un xeito de gobernar que comeza dende a convicción de que a cidadanía nos elixe para que defendamos os seus intereses e que conclúe no convencemento de que estamos aquí para servir.
- Avanzar na mellora da calidade de vida das persoas, tendo o benestar social como obxectivo preferente; traballando no camiño da igualdade real entre homes e mulleres; considerando a vivenda como ben social; facendo de Vigo un concello impulsor do desenvolvemento local e da creación de emprego no marco do desenvolvemento sustentábel, imprescindíbel para o benestar social; facendo que a mocidade estea no centro das políticas municipais, defendendo un ensino público de calidade; achegando as novas tecnoloxías e a sociedade da información.
O BNG pensa que o novo Vigo debe construírse recollendo os sinais de identidade vigueses e as necesidades dunha sociedade de crecente complexidade. A xestión municipal debe asentarse na idea de facer de Vigo unha cidade da xente, na que os recursos se distribúan entre a cidadanía para contribuír ao benestar das persoas, ao seu desenvolvemento económico e social. Así, o BNG desenvolve a xestión municipal coa participación dos axentes sociais, nun traballo transversal e pluridisciplinar, levando a cabo unhas políticas de reforzo dos equipamentos e servizos sociais tendo como eixos a calidade e a proximidade. Referímonos, en xeral, ao benestar das persoas necesitadas e, en particular, á integración dos grupos marxinados e á acollida de inmigrantes, á equidade e ao respecto multicultural.
O BNG propón: • Vigo como capital metropolitana e centro da Eurorrexión • Vigo como cidade para vivir, para o lecer e para o traballo • Vigo como cidade con encanto e destino multicultural • Vigo como cidade que pon en valor o seu patrimonio e os seus cascos históricos • Vigo como cidade que leva a práctica deportiva a toda a cidadanía e ao mesmo tempo como cidade capaz de ser escenario dos máis prestixiosos eventos deportivos • Vigo como cidade protagonista das máis variadas actividades culturais, nacionais e internacionais • Vigo como cidade que aposta pola mocidade, porque entende que é sinónimo de apostar polo futuro • Vigo como cidade impulsora dun fondo cambio de mentalidade a prol da mentalización social e da igualdade real entre homes e mulleres • Vigo como cidade modelo da normalización lingüistica • Vigo como cidade solidaria na que @s máis necesitad@s gocen de calidade de vida e de axudas asistenciais
|
|
|
|